A Chorar a Cangas? Cal é a orixe...

A Chorar a Cangas

A Chorar a Cangas? Cal é a orixe desta arraigada frase popular?
Esta expresión utilízase actualmente cando alguén se mostra ‘pedichón’ ou ‘choromiqueiro’. Tamén cando se lle quere dicir a alguén que non se lamente tanto, que non chore tanto… Vai chorar a Cangas! vaite queixar a Cangas! Pero, hai que ir a Cangas para chorar? E por que a Cangas? Pois parece ser que hai moitos moitos anos había nesta vila do Morrazo ‘choronas profesionais’-chamadas en Galiza e Portugal carpideiras-, que lograron moita sona polo seu papel nos enterros das altas esferas.

Contan os historiadores locais que, en séculos pasados, a vila canguesa contaba con afamadas carpideiras, que non eran máis que mulleres ás que se lles pagaba ou recompensaba con algo para comer (en tempos de moita fame) a cambio de que chorasen nos enterros, e aínda que non coñeceran aos mortos. O obxectivo era non deixar o defunto nin por un segundo só no seu funeral. Esta práctica dábase no seo das familias adiñeiradas, da nobreza ou do clero, que, coa presenza das carpideiras, querían demostrar que o defunto era unha persoa moi querida. Estas choronas profesionais pertencían en moitas ocasións a familias que se dedicaban a este oficio. Algunhas metíanse até tal punto no papel, que chegaban mesmo a arrincar os cabelos, rabuñarse ou a desvanecerse para escenificar momentos de dor pola perda do finado. Habíaas tamén ben informadas para a ocasión, tanto, que se encargaban de coñecer polo miúdo anécdotas ou momentos da vida do morto, para despois contalos nos funerais ante os presentes.
Entre o rito e o mito, contan que, se ao cadáver non se lle choraba dabondo, este se molestaba e podería ‘castigar’ os seus familiares con posteriores aparicións. Por iso, era preferible previr estes males perturbadores. Practicamente non existen documentos que testemuñen estas prácticas e o que se coñece delas é pola sabedoría popular. Calcúlase que tiveron especial importancia nos séculos XVI e XVII, aínda que até non hai moitas décadas atrás, aínda se coñecían na comarca morracense algunhas carpideiras que acudían aos enterros na zona. Segundo a tradición oral, a práctica foi prohibida finalmente por mandamentos reais, que non consentían tales graos de exaltación da dor, nen estes berros nos funerais. En xeral, as carpideiras non eran da familia do morto, e os achegados ao defunto, incluídos nenos e criados, mantiñan un loito rigoroso que podía durar anos. As choronas foron desaparecendo co tempo, e o refrán quedou no imaxinario popular. Os tempos mudaron e tamén o sistema de enterros, aínda que a tradición se presenta antiga. Dise que xa os romanos se afanaban por despedir con grandeza os seus mortos, e colocaban xunto ás súas tumbas recipientes para recoller as bágoas dos presentes. Deste xeito, o resto dos asistentes podían comprobar canto se chorara polo difunto. Desde os anos 60 en diante, téñense poucos datos da existencia destas choronas, e, aínda que as había por toda Galiza, dise que as da vila canguesa eran das mellores. Que a frase ‘A Chorar a Cangas’ perdure no tempo, podería significar que o oficio aquí se seguiu mantendo, mentres que noutros sitios xa desaparecera.

Hoxe en día, os cangueses seguen tendo algo de choróns, aínda que non por iso os habitantes desta vila perderon o seu carácter festeiro. Nese afán por enterrar antigas bágoas, aquelas que nacían dun paripé no que o que importaba era deixar ben parado (non tanto ao defunto, que o pobre xa pasara a mellor vida) senón ao seu núcleo familiar, demostrando que era un ser querido polo moito que se lle choraba, a Asociación Deskarga Furtiva proponse agora parodiar o pranto e apostar pola risa, pola música e por un festival que nos permita gozar dunha xornada alegre, á vez que lembrar que tamén vimos dun pasado algo choromiqueiro, que tamén nos pertence.
TEXTO: CECILIA MARTÍNEZ